miércoles, 19 de diciembre de 2012

A BANDA SEN FUTURO

LINGUA GALEGA-LECTURA OBLIGATORIA 1º ESO (CURSO 2012-2013)
Autor: MARILAR ALEIXANDRE 

A novela iníciase coa conxunción de dous acontecementos que Carlota, a protagonista, tomará coma a maior das desgracias. Terá que comezar as clases nunha situación que lle fai máis duro este momento, porque haberá de ir coa cabeza rapada -depilada- por mor dunha enfermidade, e Poch morre como consecuencia da enfermidade de Huntington. O emparellamento dos dous sucesos dá lugar a unha continua dialéctica na que Carlota increpa, máis que dialoga, ao retrato de Poch que ten na parede do seu cuarto. Neses intercambios é onde se atopa o verdadeiro cerne desta novela, pois Poch será quen lle vaia proporcionando a Carlota as claves polas que concluír as súas reflexións. O músico non fai un papel dun Pepito Grilo que lle vai indicando o errado das súas actuacións, senón que é o camiño que leva a Carlota cara a si mesma, que é o lugar onde están a maioría das respostas para as preguntas que se plantea. Pero Carlota non pode, aínda que ben querería, pasar a vida enteira encerrada no seu cuarto a dialogar co retrato do cantante, haberá de ir ao instituto, que equivale a se introducir nunha selva na que en cada recanto agarda un perigo. Perigos que a rapaza coñece e mesmo se plantea con claridade antes de que acontezan. Despois sucederán ou non, pero ela xa os puido interiorizar. Mais nesa selva é onde está a súa vida, e non agachada no cuarto. Deberá, pois, aceptar a súa cualidade de ser en relación, o alto prezo que a todos se nos cobrou por medrarmos e facérmonos adultos Os compañeiros e compañeiras do instituto, adolescentes tamén, forman un nicho ecolóxico no que Carlota haberá de vivir nese conflicto inevitable cando se procura a harmonía. Alí hai conxéneres, pero tamén depredadores, coma en toda selva.