Autora: FINA CASALDERREY
Elia amósanos o seu mundo interior, con todas as inquedanzas e teimas
dunha adolescente. Elia é unha rapaza de catorce anos orfa de nai, que
asiste ao romance entre o seu pai e unha muller pola que ela non sente
simpatía ningunha. Internada nun hospital por mor dunha operación de
apendicite, Elia alterna a rememoración dos momentos máis importantes da
súa vida coas visitas que recibe dos seus familiares e tamén de Berta, a
odiada moza do seu pai. A partir deste esquema argumental, Fina
Casalderrey escribe unha novela de elaborada técnica e de vontade
realista que se introduce sen complexos nin visións falseadas no axitado
mundo interior dunha adolescente dos nosos días.