Autor: MARILAR ALEIXANDRE
A novela iníciase coa conxunción de dous acontecementos que Carlota, a
protagonista, tomará coma a maior das desgracias. Terá que comezar as
clases nunha situación que lle fai máis duro este momento, porque haberá
de ir coa cabeza rapada -depilada- por mor dunha enfermidade, e Poch
morre como consecuencia da enfermidade de Huntington. O emparellamento
dos dous sucesos dá lugar a unha continua dialéctica na que Carlota
increpa, máis que dialoga, ao retrato de Poch que ten na parede do seu
cuarto. Neses intercambios é onde se atopa o verdadeiro cerne desta
novela, pois Poch será quen lle vaia proporcionando a Carlota as claves
polas que concluír as súas reflexións. O músico non fai un papel dun
Pepito Grilo que lle vai indicando o errado das súas actuacións, senón
que é o camiño que leva a Carlota cara a si mesma, que é o lugar onde
están a maioría das respostas para as preguntas que se plantea. Pero
Carlota non pode, aínda que ben querería, pasar a vida enteira encerrada
no seu cuarto a dialogar co retrato do cantante, haberá de ir ao
instituto, que equivale a se introducir nunha selva na que en cada
recanto agarda un perigo. Perigos que a rapaza coñece e mesmo se plantea
con claridade antes de que acontezan. Despois sucederán ou non, pero
ela xa os puido interiorizar. Mais nesa selva é onde está a súa vida, e
non agachada no cuarto. Deberá, pois, aceptar a súa cualidade de ser en
relación, o alto prezo que a todos se nos cobrou por medrarmos e
facérmonos adultos Os compañeiros e compañeiras do instituto,
adolescentes tamén, forman un nicho ecolóxico no que Carlota haberá de
vivir nese conflicto inevitable cando se procura a harmonía. Alí hai
conxéneres, pero tamén depredadores, coma en toda selva.